Vinte proxectos optan ás axudas do GDR Salnés-Ulla-Umia, mobilizando 1,2 millóns de euros

SALNÉS/ULLA/UMIA> Unha vintena de proxectos recibirán axudas a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia na convocatoria 2025-2026. A entidade celebrou onte a súa asemblea xeral, na que se informou das propostas de aprobación destas achegas. Así, estas iniciativas recibirán axudas de 430.000 euros, mobilizando un investimento total de 1,2 millóns. Na listaxe hai proxectos de concellos, de entidades sociais e culturais e de emprendedores, con propostas innovadoras como a creación dunha biorrefinería ou dun crematorio para mascotas.

Na convocatoria 2025-2026 do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia presentáronse vinte proxectos . Os escollidos repartiranse un total de 430.000 euros en axudas, mobilizando un investimento total de 1,2 millóns de euros.

Os máis numerosos foron os proxectos impulsados por entidades locais. Beneficiaranse destas achegas os concellos de Meis, A Illa de Arousa, Caldas, Ribadumia, Moraña, Valga, Portas, Meaño, Cambados e Sanxenxo. Con iniciativas que van dende a promoción turística e as enerxías renovables, ata a valorización do patrimonio cultural.

En canto ás iniciativas presentadas por empresas ou autónomos, foron un total de sete proxectos que suman máis dun millón de euros. Catro foron os escollidos para recibir unha axuda total de máis de 300.000 euros. Os restantes quedan en lista de agarda, á espera de novos fondos.

Entre as propostas están a modernización dunha carpintaría rural mediante tecnoloxía 4.0, un campamento turístico, tipo glamping, no concello de Cuntis, a creación dunha biorrefinería centrada na valorización de algas e mesmo un crematorio para mascotas.

Dentro da tipoloxía de proxectos privados non produtivos presentados, o GDR destaca a proposta de axuda en favor da Asociación Unión Musical de Meaño. Presentou unha iniciativa para poñer en valor o patrimonio musical no concello e na comarca a través da adquisición de instrumentos musicais e unhas tarimas para as súas actuacións.