![]()
PONTEVEDRA > O director xeral de Montes inaugura en Pontevedra, Forestalia, o IV Salón Forestal, Madeira e Medio Natural.
O director xeral de Montes e Industrias Forestais foi o encargado de inaugura-lo IV Salón Forestal, Madeira e Medio Natural que se celebra no recinto feiral de Pontevedra. Xunto con el estaban o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa, o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Ricardo Mirón e o delegado do Medio Rural, Gonzalo Constenla. Todos eles percorreron as instalacións saudando un por un ós responsables das empresas que teñen stand no recinto e destacaron a importancia forestal de Galicia e a importancia de revaloriza-lo monte e cambia-la nosa perspectiva sobre el. 
Dende a Xunta de Galicia apóstase por mante-lo cultivo de pino e eucalipto por ser fundamentais para a economía galega actual. Pero destacou a necesidade de abrir o abano a novas especies e de seguir avanzando na investigación.
Ence
En relación con este asunto tanto o director xeral de Montes como a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra lamentaron o posible peche do Centro de Investigación Tecnolóxica que ten Ence en Campañó. Dende a Xunta aseguran estar traballando para buscar unha solución e poder manter este laboratorio.
Tamén os incendios marcaron este cuarto Salón Forestal. A recuperación dos montes foi unha das cuestións que se debatiu no primeiro día de actividade e, intimamente relacionado con este tema, tamén se falou sobre a necesidade de evitar este grave problema que pon en perigo o futuro dos montes galegos e de Galicia.
Actividades
Ata o sábado haberá diversas actividades relacionadas co sector forestal, algunhas delas fora do propio recinto, como as demostracións de maquinaria en monte que terán lugar en Xustáns, Pontecaldelas ou as demostracións de poda nos xardíns de Vicenti en Pontevedra. Ademais o sábado ás sete e media da tarde, no recinto feiral, haberá unha degustación de cogomelos e castañas coa que se demostrará a calidade dos productos que ofrece o monte galego.
Redacción Salnés









