BOIRO > Luís Blanco Vila será o novo candidato do PP á alcaldía de Boiro.
A intención de Luís Blanco Vila era voltar á súa vila natal para decansar e desfrutar da súa xubilación. Pouco lle durou esta ilusión cando vellos amigos lle propuxeron a posibilidade de presentarse como candidato á alcaldía de Boiro. Medio en broma, medio en serio, Blanco foi perfilando esta posibilidade ata aceptar o reto a modo de compromiso moral cos seus concidadáns. Eso sí, a candidatura de Blanco Vila polo PP pasa por dúas condicións: unha respecta-la súa independecia posto que a pesar de simpatizar coas ideas dos populares non se considera un membro do partido, e a outra, ter liberdade para elaborar a súa propia lista que estará composto por xente nova, preparada e con moita ilusión.
A pesar de que ten moitas ideas en mente, o novo candidato non conta aínda cun proxecto electoral definido. O que si ten claro é que a súa prioridade será a redistribución dos orzamentos municipais de xeito que os impostos dos boireses se repartan de forma equitativa.
Xestión pouco eficaz
Aínda que son moitos os anos que leva vivindo fóra de Boiro, tras as súas estancias en Santander. Madrid, París ou Roma, Blanco Vilas está moi a tanto da vida municipal boiresa. A pesar de que non se atreve a facer un balance pormenorizado da xestión realizada polo goberno encabezado por Deira considera que non se levaron a cabo moitas obras vitais para a vila e, no seu lugar, realizáronse grandes inversións en actuacións de menor importancia como o nomeamento de rúas ou a edición de libros, que teñen como único obxectivo a busca da imaxe.
Ó respecto das polémicas urbanísticas xurdidas en Boiro en relación á recalificación de terreos para usos comerciais, Luís Blanco pretende fuxir da controversia na busca de solucións intermedias que prermitan compatibilizar a conservación do patrimonio coa expansión comercial de Boiro. Sen embargo, considera que o caso da recalificación da Pedreira constitúe un prezo a pagar moi elevado para os cidadáns.
Este xornalista e catedrático de sesenta e nove anos, cunha longa traxectoria persoal e profesional ás costas, volve á vida pública con moita ilusión e ganas de traballar. O seu desexo de cara ás próximas eleccións municipais é conseguir o triunfo aínda que, de non ser así, pensa quedarse para seguir dando guerra dende a oposición.
Redacción Barbanza