Un Revolutrion Trail Series 2019 cargado de grandes novidades

BARBANZA> O concello da Pobra acollía esta mañá o acto de presentación do circuito de carreiras de trail que organiza a asociación Arousa NeO.

Despois de catro edicións disputadas, o Revolutrion Trail Series incorporará este ano importantes novidades. A cita, organizada pola asociación Arousa Natureza e Ocio, sumará a dous novos concellos, neste caso o de Noia e o de Porto do Son. Pola contra caerán as probas de Boiro e Rianxo.

O gañador da edición pasada, Esteban Toucedo, destacou a importancia deste tipo de probas, no que ademais do carácter deportivo, se pon en valor os importantes recursos naturais e turísticos da zona.

Serán en total catro carreiras, unha por cada concello participante, para rematar cunha proba final, como é o Barbanza 42K Trail a celebrar o 28 de abril en Ribeira. A primeira das citas será o Trail da Cidá, en Ribeira, o próximo 27 de xaneiro. O resto do circuito estará formado polos trails de San Isidro na Pobra, o día 24 de febreiro; o Xtosín Trail, o 17 de marzo, e o Portus Apostoli Trail en Noia o 7 de abril. As inscricións para o circuíto, como tamén para as probas individuais xa están abertas. Para máis información os interesados poden consultar a páxina web www.trailseries.run ou www.arousa.com .