A Xunta aprobará axudas polo temporal de chuvia

    SALNÉS > A Xunta aprobará axudas para paliar os danos ocasionados polos efectos do temporal en diferentes concellos galegos. Ademais o goberno galego analizará a posible implicación do Estado. 

    riadameis_200_251006.jpgO Consello da Xunta aprobará mañá unha liña de axudas que ten por obxecto facer fronte ós danos ocasionados polos efectos do temporal en diferentes municipios galegos. Paralelamente, está previsto que nesta reunión se analice a posible implicación do Estado. As medidas que se aprobarán mañá prevén, entre outros aspectos, a reposición de infraestructuras locais afectadas, ademais de camiños forestais e captacións privadas.

    Tamén se concederán achegas para cubrir situacións xeradas por lesións que causasen a hospitalización de feridos ou de ser o caso incapacidade absoluta permanente por mor das riadas. Neste paquete incluirase a reparación e rehabilitación de vivendas danadas, sexan ou non de primeira ocupación, tendo en conta tamén as construccións anexas e instalacións complementarias. Tamén serán obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade. O goberno galego cubrirá así mesmo os danos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais ou turísticos como consecuencia das choivas, incluíndo instalacións, maquinaria, mercadorías e vehículos afectados.

     Redacción Salnés