Educación estudará a construción dun novo colexio en Boiro

    BOIRO > A Consellería de Educación estudará a posibilidade de construir un novo colexio de infantil en Boiro.

    Así o comunicou o Tenente-Alcalde, Xoán Xesús Ares, despois da xuntanza mantida coa titular deste departamento autonómico e na que participaron tamén os directores dos colexios Santa Baia e Praia Xardín. A reunión, na que tamén participaron o deputado socialista Xosé Manuel Lage e o edil de Educación, Xerardo Piñeiro, foi solicitada co fin de analiza-los problemas que existiron este ano nos centros educativos boireses para dar cabida a tódolos escolares, véndose obrigados en moitos casos a ter que habilitar como aulas para infantil estancias que se estaban destinando a outras actividades.

    Segundo Xoán Xesús Ares o alto crecemento urbanístico e poboacional que está experimentando Boiro nos últimos anos pode se-la causa desta situación. Estes argumentos esgrimidos pola delegación boiresa convenceron á conselleira Laura Sánchez, así como o Delegado, Pedro Armas. Así está previsto que nos vindeiros meses técnicos do organismo autonómico visiten os centros escolares para comproba-lo seu estado e analiza-la viabilidade de construir un novo edificio.

    Durante a xuntanza, a Conselleira mesmo asegurou que habilitará unha partida económica para este fin en canto se xustifique por parte dos técnicos a necesidade de acometer esta obra e o seu obxectivo pasa por reservar unha cantidade nos orzamentos do ano 2008.

    Xoán Xesús Ares confirmou que a decisión definitiva será adoptada en canto estea elaborado o correspondente informe de viabilidade, e mesmo lle solicitou ó executivo local que fora reservando un terreno axeitado para dar cabida a este novo centro educativo.

    Durante a reunión os directores dos colexios Santa Baia e Praia Xardín plantexaron a posibilidade de que o novo centro estea destinado a nenos de cero a tres anos, unha alternativa que a Consellería de Educación ten previsto tamén analizar.

    Redacción Barbanza