![]()
BOIRO > O Club de Pensionistas e Xubilados ‘Mar e Terra’ de Cabo de Cruz vén de amosar o seu malestar ante o ‘trato discriminatorio’…
… por parte do concello de Boiro no que respecta ás axudas económicas.
Un total de douscentos noventa e cinco socios integran este club de xubilados que constitúe unha das entidades máis antigas do concello de Boiro e con maior representatividade. Sen embargo, a súa directiva considera que o goberno municipal non ten en conta estas características á hora de outorgar as subvencións ás asociacións do municipio. No presente exercicio, o club recibiu unha subvención de trescentos euros ó igual que outros colectivos cun número de socios notoriamente inferior. Sen embargo, outras entidades de características similares, como o Club de Xubilados de Escarabote, recibiron subvencións de ata novecentos euros.
Segundo o presidente de Mar e Terra, Manuel Domínguez, este feito non constitúe unha novidade senón que se vén repetindo dende hai dous anos. A pesar das reiteradas queixas realizadas ante o executivo municipal, ata o momento, non recibiron ninguna resposta satisfactoria.
A directiva do Club considera que esta ‘irregularidade’ pon de manifesto a discrecionalidade coa que se conceden as axudas no concello de Boiro.
Pola súa banda, os representantes municipais solicitan ó club que presenten os proxectos que teñen previsto levar a cabo para dar así resposta ás súas peticións.
Redacción Barbanza










