O executivo boirense responsabiliza ao Sergas da situación actual de contaxios

BOIRO> O número dos casos activos por covid en Boiro segue en aumento. O Sergas confirmou oficialmente un total de trinta positivos detectados durante os cribados realizados ata a xornada de onte, o que eleva a cifra total de contaxiados a 154.

A última actualización dos datos por parte da consellería de Sanidade cifra en 154 os casos activos por covid en Boiro. Trinta deles foron detectados durante os cribados realizados dende a pasada fin de semana e que se prolongaron ata a xornada festiva de onte. E as previsións apuntan a que os casos seguiran subindo…

Dende o goberno local seguen con gran preocupación esta situación da que, en parte responsabilizan ó propio Sergas, por non atender con anterioridade á solicitude do Concello de realizar un cribado masivo e atallar de raíz o problema.

O alcalde mostrou tamén a súa satisfacción pola boa resposta da veciñanza que acudiu a realizar as probas en máis dun 80%, o que permitiu  detectar novos casos activos e tamén asintomáticos.

Outra das preocupacións do equipo de goberno é saber ata cando vai a prolongarse este peche perimetral, conscientes dos graves prexuízos, principalmente para o sector hostaleiro e comercial, que isto acarrea.

O rexedor boirense fixo alusión tamén a que serán estritos no cumprimento das medidas de control e prevención. Segundo el, dende o inicio da pandemia lévanse tramitadas máis de cen denuncias por parte das forzas da orde, polo que volveu a facer un chamamento á responsabilidade de todos para poder frear a expansión do virus no municipio o antes posible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí