Noia reparte outros 250 ‘kits de arranque’ entre os negocios da vila

NOIA> Abre así unha nova convocatoria para os establecementos que non puideron beneficiarse da primeira achega, na que se entregaron máis de 300 kits de arranque.

Despois de realizar unha primeira entrega, na que se repartiron máis de 300 “kits de arranque” para colaborar co sector comercial da vila no proceso de reapertura dos seus negocios durante a Fase 1, o Concello vén de iniciar unha segunda convocatoria dirixida a aqueles establecementos que non se beneficiaron da primeira achega.

As bolsas que se están a entregar compóñense de dúas máscaras, dúas pantallas de protección facial e unha garrafa de solución hidroalcólica.

O Concello está a estudar tamén outras propostas, algunha delas presentada polos grupos da oposición na comisión de seguimento, de cara a apoiar a recuperación no municipio.