A consellería do Mar limita a só tres días a extracción de vieira en Arousa

RIANXO> Durante só tres días, dende hoxe ata o vindeiro venres 19 de decembro, estará autorizada a extracción de vieira na ría de Arousa.

A consellería do Mar decidiu finalmente atender a solicitude dos dous pósitos da zona con autorización para poder extraer este bivalvo como son Cambados e Rianxo, á luz dos criterios científicos, despois de ver a escaseza de recurso.

Poderán extraerse un total 7.500 quilos de vieira entre os dous pósitos, Cambados 4.500 e Rianxo 3.000, establecéndose un tope de 40 quilos por persoa e día.

Neste primeiro día da campaña ningún dos aproximadamente 18 barcos autorizados en Rianxo para a extracción de vieira traballou a este recurso. Un dato que evidencia a escasa rendibilidade que lle ven a este bivalvo.