O goberno dille á Xunta que concrete ‘cantos, cando e onde’ precisa os efectivos contra os pellets

GALICIA> O Goberno central respóndelle á Xunta que ten á súa disposición todos os medios marítimos e terrestres que precise para limpa-los pellets. Iso sí, pídelle ao executivo galego que concrete cantos, cando e onde os precisa. Pola súa banda o presidente galego critica que pasasen xa máis de 48 horas dende a activación do nivel dous do plan Camgal sin que a comunidade recibise os medios de Madrid.

Mentres os pellets continúan chegando ás praias, na esfera política segue o debate sobre a xestión da crise. O goberno central remitiulle hoxe unha carta á Xunta, lembrándolle que ten á súa disposición tódolos medios terrestres e marítimos que precise para a limpeza dos pellets. Insiste o executivo central que a Xunta ten que detallar, máis alá dos efectivos solicitados, cantos, cando e onde. Porque, lembran dende o Goberno, a Xunta aínda non concretou nin o número de efectivos nin en que zonas se terían que despregar.

Pola súa banda, o presidente de Xunta volvía hoxe centra-la problemática dos pellets en Madrid. Critica que pasasen xa máis de 48 horas dende a activación do nivel dous do plan Camgal sin que a comunidade recibise os medios do goberno central.

Ademais, o goberno central apunta que se están buscando activamente os restos de pellets ou os seus sacos no mar, tal como recomenda a Organización Marítima Internacional. O presidente galego reacciona asegurando que agora Madrid dálle a razón.

E esixe ao goberno central que se localice o contedor onde ían os pellets.

Esta tarde tivo lugar unha nova reunión de seguimento do plan Camgal coa vista posta xa na fin de semana. A previsión apunta a que para daquela van muda-las correntes mariñas, que agora están arrastrando as bólas de plástico cara ao norte. Con este cambio, prevese unha chegada masiva de pellets ás nosas costas. En consecuncia, no encontro tratouse tamén os protocolos de actuación para a recollida orientados a voluntarios e operarios, coa intención -di a Xunta- de facer máis eficiente a retirada destes produtos do mar.