A falla de alternativas levará a Cabo de Cruz a paraliza-lo plan parcial

    aunion_100_301006.jpgBOIRO > A Asociación de Veciños A Unión reuniuse  para abordar diversos proxectos…

    … a realizar na parroquia do Castro. Un dos máis problemáticos é o Plan Parcial de Cabo de Cruz, que siga a xerar un gran rexeitamento entre os veciños. Por este motivo, os propietarios afectados decidiron paralizar a negociación co executivo ata que se lles plantexe unha alternativa máis razoable.

    Esta decisión vén despois dun longo proceso de negociación durante o cal o plan nunca tivo boa acollida entre os propietarios que non entenden por que teñen que facer fronte ós custos de urbanización en lugar de ser unha promotora ou o propio concello quen sufrague os traballos. Así mesmo, consideran que o prezo por metro cadrado establecido non se corresponde coa realidade e supón un agravio comparativo en relación a outras zonas do municipio.

    No transcurso da asemblea, os membros do colectivo veciñal tamén abordaron a próxima construción do centro social de Cabo de Cruz, unha obra moi demandada durante os últimos anos. Os veciños expresaron a súa satisfacción ante o inicio inminente dos traballos aínda que agardan que o concello habilite unha nova praza de abastos antes de comeza-las obras, tal e como tiña acordado cos veciños.

    Tamén a construción dunha nova depuradora ocupou parte da orde do día desta asemblea. Os veciños de Cabo de Cruz veñen amosando dende hai tempo a súa preocupación polas deficiencias que presenta o sistema de depuración da actual estación polo que o concello elaborou un estudo para subsanar estes problemas. Ó mesmo tempo, o executivo xa lle plantexou á Xunta de Galicia a necesidade de construir unha nova depuradora no municipio para acabar cos vertidos que repercuten negativamente na calidade de vida dos veciños.

    Por outra banda, os veciños de Cabo de Cruz consideran que o executivo non pode demorar máis a construción do porto deportivo posto que Boiro é, na actualidade, o único concello da ría de Arousa que non conta cunha infraestrutura destas características. A Xunta de Galicia xa habilitou unha partida para a execución deste proxecto aínda que, polo momento, está pendente do estudo de impacto medioambiental. A reubicación dunhas bateas e o citado estudo constitúen, a día de hoxe, os impedimentos para levar a cabo esta obra tan demandada polo pobo de Cabo de Cruz. O concello comprometeuse a axiliza-los trámites para poder levar a cabo o proxecto canto antes. Os veciños agardan que o porto deportivo sexa unha realidade dentro da presente lexislatura posto que constituirá un importante denomizador económico e social da parroquia.

    O incremento das zonas de lecer é outra das prioridades da entidade veciñal posto que, na actualidade, a parroquia non conta apenas con espazos habilitados para o ocio infantil. Tralas reclamacións efectuadas diante do executivo municipal, os seus responsables comprometéronse a rehabilitar o parque infantil do Subuqueiro, que actualmente constitúe o único espazo para nenos en toda a parroquia.

    Por outra banda, o Consello Parroquial xa destinou unha partida para a construción dun novo parque infantil na zona de Cariño.

    Redacción Barbanza