RIANXO> Como vén sendo tradición tódolos anos, o concello de Rianxo aproveitou a data do primeiro de maio para render unha homenaxe a tódolos falecidos no mar. Primeiro cunha ofrenda ós afogados no monolito en lembranza dos mariñeiros, no Parque de Galicia, e posteriormente cunha misa solemne na capela de San Bartolomeu.
Un bo número de persoas asistiron onte en Rianxo á homenaxe por tódolos falecidos no mar. Un acto presidido polo alcalde, Adolfo Muíños, que co paso dos anos que se está a converter nunha cita obrigada tódolos primeiros de maio e que partiu da idea precisamente dun orfo do mar, Manuel Galbán, que organiza esta homenaxe dende o ano 2007.
Como é tradición a primeira das paradas tiña lugar no Monolito aos Afogados, no Parque de Galicia, no que figuran os nomes dos 48 falecidos en accidentes marítimos, e onde se realizou unha ofrenda floral. Este ano dedicada especialmente a José Ordóñez Triñanes, José Rodrígez e Manuel Laíño.
Posteriormente a comitiva trasladouse ata a capela de San Bartolomeu, onde se celebrou unha misa solemne, para rematar cunha nova ofrenda floral, esta vez a bordo dunha embarcación, na zona das Lobeiras, onde os familiares de varios dos mariñeiros falecidos botaron unha coroa de loureiro ó mar.