Cae unha rede vinculada ós Oubiña que defraudou a Facenda 16 millóns

    SALNÉS > A Policía detivo a 35 persoas en varias provincias españolas como presuntos integrantes dunha organización, liderada polo clan dos Oubiña, dedicada a defraudar a Facenda. 

    A Axencia Tributaria e a Policía Nacional veñen de desarticular unha organización dedicada ó contrabando e que tería cometido tamén delictos contra a Facenda Pública e falsidade documental. A dirección Xeral da Policía e da Garda Civil informan nun comunicado de que a organización dispoñía dun grupo de empresas ficticias a través das que importaba vehículos de gama alta que eran vendidos en concesionarios propiedade da familia do narcotraficante Laureano Oubiña sen pagar o IVE nin o imposto de matriculación. Os responsables da organización situaban á fronte das empresas instrumentais a persoas sen recursos económicos e con problemas de adaptación social, segundo a nota de prensa.

    A operación desenvolveuse en dúas fases, a primeira delas durante o pasado mes de abril, cando foron detidas 14 persoas, entre as que se atopaban David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, como principal responsable, e Manuel Maneiro, ambos están desde entón no cárcere de Teixeiro. Comisaría policía vilagarcía Nos últimos días detivéronse outras 21 persoas, 4 delas en Vilagarcía, onde foron arrestados José Barcala Mouriño, Jonathan Oubiña Carro, fillo de Laureano Oubiña, José Manuel Pazos Taboada, alias Pantera, e a sudamericana Coralia P.M. Tralas detencións, embargáronse xudicialmente inmobles de luxo valorados en máis de 5 millóns de euros, doce contas correntes e nove vehículos de alta gama, ademais de ser intervidas cinco sociedades.

    Redacción Salnés