OUTES> O alcalde de Outes trasladoulle á Consellería de Mobilidade os problemas no transporte público que están a rexistrar en diversos núcleos do municipio. Preocupa especialmente a situación en Pontenafonso posto que non se retomaron as frecuencias anteriores ás obras.
Durante a realización das obras de rehabilitación na Pontenafonso, varias liñas quedaron en suspenso. Ata o momento, e malia que xa hai semanas que finalizaron as obras, as frecuencias non se retomaron cos consecuentes prexuízos para os veciños deste núcleo. Este non é o único problema que se está a dar co servizo de transporte público no municipio. Os veciños denuncian frecuentes retrasos, incumprimentos de horarios ou mesmo eliminación de rutas.
O alcalde de Outes xa lle trasladou as súas queixas a Consellería de Mobilidade solicitando que inste á empresa concesionaria a garantir un servizo de calidade no rural.