Medio Ambiente construirá vinte depuradoras en toda Galicia

    aguio_100_311006.jpgBARBANZA > Medio Ambiente ten previsto construi-lo vindeiro ano a depuradora de Aguiño.

    A actuación virá a dar resposta ás numerosas demandas realizadas tanto polos veciños desta parroquia como polo propio executivo ribeirés.

    Para o ano 2007 Medio Ambiente disporá de 242 millóns de euros para desenvolve-la súa acción política, na que se prevé licitar un total de vinte estacións depuradoras de aguas residuais en toda Galicia. Entre as actuacións que se levarán a cabo figura a construción da tan ansiada depuradora municipal na parroquia ribeiresa de Aguiño, así como tamén as de Catoira, O Grove e na zona de Raxó, entre os concellos de Poio e Sanxenxo.

    A medida da Consellería de Medio Ambiente que dirixe Manuel Vázquez suporá o maior esforzo inversor realizado nunca en Galicia en materia de saneamento segundo aseguraron dende o propio departamento autonómico. Con este plan, que comezará no ano 2007, Galicia poderá dar cumprimento á normativa da Unión Europea que obrigaba hai xa 15 anos a depuración das augas residuais das poboacións que teñan máis de dous mil habitantes. A construción das vinte depuradoras terá ademais unha repercusión directa na mellora da calidade das augas dos ríos e especialmente, as das rías de Galicia, xa que se eliminarán a carga contaminante que lles chega actualmente a todas estas poboacións.

    O custe total para o plan de depuración das augas residuais de Galicia ascende a 228 millóns de euros, cun presuposto de case 139 millóns de euros para outras obras de abastecemento, saneamento e dominio público hidráulico.

    Redacción Barbanza