PORTO DO SON> O goberno municipal pretende causar os menos prexuízos posibles, interferindo a súa actividade, máxime coa actual situación derivada da pandemia.
A situación creada pola COVID-19 está a provocar tamén cambios á hora de afrontar moitas das obras en execución ou que pretenden executarse. É o caso do proxecto de remodelación da actual fachada marítima de Porto do Son. Un ambicioso proxecto deseñado por Portos de Galicia co beneplácito do Concello e cuxo investimento se achega ós cinco millóns de euros.
O exeutivo local está á espera de consensuar cos comerciantes e hostaleiros da localidade cal será a mellor época para poder iniciar as obras, ben antes do verán ou unha vez rematada a época estival.
O alcalde, Luís Oujo, asegurou que o proxecto non deixará indeferente a ninguén, conseguindo enlazar a actividade propia do porto co resto de rúas do casco urbano, creando unha plataforma única, na que terán preferencia os peóns.
O proxecto, cuxa adxudicación definitiva se asinará nos próximos días, desenvolverase sobre unha superficie duns 26 mil metros cadrados, incluíndo a construción dun edificio de usos náuticos.