RIBADUMIA > A X Festa do Magosto será o sábado 11 de novembro na Carballeira de Ribadumia.
O Concello de Ribadumia en colaboración coas diferentes asociacións do municipio están a organiza-la décima edición da Festa do Magosto, que se vai celebrar na Carballeira de Ribadumia o 11 de novembro. A cita celebra a colleita de tódolos productos que produce o agro e sirve tamén para darlle a benvida ó inverno.
A programación, como cada ano, inclúe bailes e música tradicional, xogos para tódalas idades, verbena e unha gran merenda gratuita a base de 50 quilos de rosca, 180 de castañas e cen litros de chocolate. A festa empezará ás 4 e media da tarde para os máis pequenos e ás cinco para os maiores.
Festa do Viño Tinto
Por outra banda o Concello de Ribadumia segue a traballar na súa grande festa: a do Viño Tinto do Salnés, que queren converter en Festa de Interese Turístico rexional. Deste xeito o departamento de turismo xa está ultimando os datos da memoria explicativa requerida para outorgar esta categoría. No documento recóllese a programación da festa, a gran aceptación que ten entre os veciños e, sobre todo, a chegada cada ano dun maior número de visitantes con motivo da celebración. Unha vez presentado o informe e a documentación esixida na delegación provincial da Consellería de Innovación, será valorada por unha comisión. A declaración da festa como ‘de interese turístico’, conleva a súa inclusión no Plan Galego de Promoción Turística o que suporá interesantes vantaxas.
Redacción Salnés