O presunto responsable do accidente mortal de Barro, pendente de comparecer no xulgado

BARRO>  Quedou en liberdade, á espera de comparecer no xulgado, o presunto responsable do fatal sinistro de tráfico rexistrado nesta fin de semana na AP-9, á altura de Barro. Un condutor bébedo chocou contra outro coche, matando á muller que viaxaba no asento do copiloto. O suposto causante do accidente cuadriplicaba a taxa de alcolemia.

Ó suposto causante do accidente se lle atribúe un delito de homicidio por imprudencia grave e outro contra a seguridade viaria. Ademais xa se lle retirou o carné de conducir e se inmobilizou o seu vehículo.

Despois de estar retido durante horas nos calabozos da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, foi posto en liberdade, pendente de pasar a disposición xudicial nos xulgados de Caldas.

Trátase dun varón duns 27 anos, veciño da cidade de Pontevedra. Supostamente é o causante do sinistro no que unha muller perdeu a vida e outro home quedou ferido grave. O presunto responsable dos feitos cuadriplicaba a taxa de alcohol permitida. Deu 1,02 no primeiro test que se lle practicou e 1,01 no segundo. A taxa máxima permitida para conducir é de 0,25.

Os feitos tiveron lugar na noite do pasado sábado. Ocorreu na Autoestrada do Atlántico, en Barro. O vehículo no que viaxaban as vítimas accedía á AP-9 dende o nó de Curro e foi alcanzado por detrás por outro turismo.

Segundo os servizos de emerxencia, o golpe foi brutal. O primeiro dos vehículos deu varias voltas de campá, chocou contra sinais da estrada e acabou saíndo da vía. O menor, de 12 anos, que viaxaba na parte de atrás do coche puido saír del polo seu propio pé. Os seus pais tiveron que ser excarcerados. A nai morreu a consecuencia do impacto. Tiña 52 anos, era de orixe italiana, pero residía no concello de Tui. O pai, de 43 anos, resultou ferido grave e foi trasladado ao Hospital Domínguez de Pontevedra.