![]()
BOIRO > Os mariscadores de a pé de Cabo de Cruz iniciaron de novo a campaña marisqueira …
… na praia de Barraña despois dun período de inactividade polos temporais. Polo momento, o balance da primeira xornada non é de todo malo, con abundantes capturas e tamaño axeitado para a súa comercialización. Agora todo depende do prezo que acaden no mercado.
Uns 180 mariscadores de a pé reiniciaron o seu traballo no areal boirés de Barraña despois dun período de inactividade, que se prolongou dende o pasado 11 de outubro debido ó problema dos temporais. Polas mareas existentes, os mariscadores traballarán esta semana dúas horas, de sete a nove da mañá. O patrón maior da confraría de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal, fixo un balance positivo desta primeira xornada.
O colectivo acordou nunha asemblea celebrada recentemente establecer o cupo en dez quilos por mariscador. Nesta xornada recolléronse un total de 1.760 quilos de berberecho e 160 de ameixa xapónica.
O primeiro día de subhasta o prezo do marisco foi bastante satisfactorio segundo Carmelo Vidal, fundamentalmente si se observa o tamaño do marisco que non era demasiado grande. O berberecho partiu dun prezo de nove euros e rematou á catro con trinta; mentres que a ameixa xapónica partiu de 13 euros e acabou a sete.
Seguen as tarefas de limpeza
Aínda que a apertura da campaña non se produciu ata agora, os mariscadores de Cabo de Cruz levan moitos días traballando para retira-los restos do monte queimado que chegaron ata a praia de Barraña. Na actualidade, atópase practicamente limpa despois de que os mariscadores retiraran máis de duascentas toneladas de residuos do areal.
Ó impacto negativo destes restos sobre os bancos naturais hai que engadir outros danos que lle están a causar ó sector, como o feito de que os mariscadores de a pé leven varios días sen extraer bivalvo, ocupados na limpeza da praia. Ademais están os importantes gastos que estas tarefas están a supoñer para a Confraría que terá que aportar nove mil euros para o pago da maquinaria de limpeza.
Mala xestión
Polo momento, aínda é cedo para facer un balance dos danos producidos pero os profesionais xa constataron a presenza de marisco morto e temen que os danos nos bancos poidan ser moi graves. Neste sentido, o patrón maior amosou o seu desacordo coa xestión da Consellería de Pesca, á que acusou de da-la espalda á súa entidade posto que non recibiu ningunha axuda. Carmelo Vidal non entende porque a administración autonómica soamente se volcou con dous pósitos da comarca posto que coñecían a grave situación que se estaba a vivir en Boiro.
No que respecta á praia da Retorta, os mariscadores acudirán o sábado a retira-los últimos restos do areal co obxectivo de volver á actividade extractiva canto antes e constata-los danos producidos.
Mentres, noutras zonas afectadas como a praia da Torre en Rianxo ou Os Raposiños, na Pobra do Caramiñal, a Consellería de Pesca segue a colaborar nas labores de limpeza con diverso persoal e maquinaria.
Redacción Barbanza










