A Xunta axiliza os trámites para a licitación do porto crucense

    BOIRO > Boiro deixará de ser o único concello arousán que non conta aínda cun porto deportivo posto que a Xunta financiará esta infraestrutura en Cabo de Cruz.

    A Dirección Xeral de Portos púxose en contacto co concello de Boiro para comunicarlle que se está a preparar toda a documentación precisa para ofertar publicamente a construción do porto deportivo de Cabo de Cruz.

    A pesar da boa nova que supón esta notificación, o alcalde de Boiro recoñece que se trata dunha obra que chega con retraso posto que hai tempo que tiña que estar executada. A Xunta ofertará a construción do dique de abrigo e mailo propio porto, opción que non convence ó executivo posto que suporá un incremento do custe nos puntos de atraque.

    Polo momento, varias empresas xa amosaron o seu interese polo proxecto. A intención da Xunta de Galicia é licitar a obra a finais deste ano ou principios do seguinte. Aínda así, Xosé Deira, amósase escéptico dado que a obra xa sufreu unha importante demora e prefire non dar prazos.

    Redacción Barbanza