Condena unánime da Pobra ás pintadas en contra do candidato do PP

A POBRA> A crispación entra en escena na precampaña electoral coa aparición dunhas pintadas en contra do candidato do PP da Pobra. Manuel Durán denunciou ante Garda Civil o que considera un ataque político, profesional e persoal.

Manuel Durán comparecía esta mañá ante os medios de comunicación para expresar a súa repulsa ante a aparición destas pintadas difamatorias. Realizáronse durante a noite, en cinco puntos distintos do municipio, moi visibles, polo que o candidato entende que a intención dos seus autores era facer o máximo dano posible non só a nivel político senón tamén profesional e persoal.

Durán presentou unha denuncia na Garda Civil para que se investiguen os feitos e se poida dar cos seus autores. Aínda así rexeitou o ofrecemento do goberno local de borrar as pintadas. Lonxe diso, prefire que permanezan para que quen o fixo se avergoñe.

A pesar do dano causado, Durán fai un chamamento á calma para que o proceso electoral se poida desenvolver de xeito limpo e coas máximas garantías e os cidadáns poidan exercer o seu dereito ó voto e a discrepar dentro da tolerancia e o respecto.

O resto de forzas con representación na Pobra condenaron os feitos e solidarizáronse co Manuel Durán, afirmando que en política non todo vale e hai liñas vermellas que non se poden cruzar.

O alcalde, ademais de amosar a súa repulsa, contactou co candidato popular para ofrecerlle o borrado das pintadas, algo que como xa explicamos anteriormente declinou.

Á candidata do BNG, Amparo Cerecedo, que tamén expresou a máxima solidariedade con Durán, non lle pilla por sorpresa este clima de crispación lembrando que tamén foi vítima dun intento de difamación. Hai unha semanas denunciaba as acusacións procedentes dun perfil falso en redes sociais ó respecto de presuntas reunións con colectivos da terceira idade para pedir o voto, o que sería constitutivo de delito.

Pola súa banda, a candidata socialista Patricia Lojo, si amosou a súa estupefacción ante estes inmerecidos ataques que condena rotundamente

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí