Cadeas para protestar pola reparcelación en Baraña

    BOIRO > Un veciño de Boiro leva encadenado varios días denunciando a alteración dos lindes da reparcelación que se está a realizar no polígono de Barraña e que afecta a varias das súas propiedades. Para el a solución pasaría pola paralización das obras actuais e o inicio dunha reparcelación nova. De momento xa puxo o problema en coñecemento xudicial.

    Juan Briones síntese totalmente impotente por esta situación que está a padecer dende hai algúns meses debido ás obras de reparcelación que se realizan no Polígono de Barraña N-1 e que afectan a varias propiedades así como tamén á súa vivenda ubicada no número 88 do Passeo marítimo de Barraña.

    O principal motivo da súa denuncia é a mala distribución realizada das cargas e beneficios desta reparcelación. Culpa desta situación ó concello que é sabedor do problema e que non fai nada por remedialo, consentindo tal aberración.

    Juan Briones xa ten presentado diversos escritos no concello solicitando unha resposta por escrito sobre a alteración dos lindes da reparcelación do Polígono de Barraña N-1 polos cales aínda non obtivo resposta. A solución ó problema para el pasa fundamentalmente por paralizar a actual reparcelación e iniciar unha nova, axustándose á legalidade.

    Redacción Barbanza