Unha veciña de Rianxo leva máis dun ano agardando unha licenza de obra

    veciarianxo_100_031106.jpgRIANXO > Unha veciña de Rianxo denuncia a lentitude das autoridades locais …

    … á hora de concederlle unha licenza de obra para construir unha vivenda unifamiliar no lugar de Rinlo. A súa solicitude foi cursada hai máis de dezasete meses, sen que polo de agora tivera información de ningún tipo, nin a favor nin en contra. 

    María do Carmen Pouso non entende as razóns polas que o concello rianxeiro tarda tanto en darlle a contestación á súa solicitude de licenza de obra. A pesar de acudir en reiteradas ocasións ó concello pedindo explicacións pola situación que está a padecer sempre obtén a mesma contestación: a calada por resposta.

    Pasado máis dun ano e ó non ter recibido información ó respecto decidiu inicia-la excavación do solar, considerando que xa tiñan concedida a licenza por silencio administrativo, pero o executivo local ordeou a súa inmediata paralización.

    A súa finca consta de 900 metros cadrados e xa no ano 2004 iniciou os trámites para a construción da vivenda, cedéndolle ademais na zona uns 150 metros cadrados ó concello para que puidese abrir alí unha rúa que agora é empregada por numerosos veciños.

    A desesperación desta veciña é tal que mesmo acudiu ó Valedor do Pobo que se interesou no concello pola súa situación, sen obter tampouco contestación sobre a correspondente licenza.

    O rexedor rianxeiro recoñeceu a tardanza que se estaba a dar na tramitación desta licenza de obra, algo que non soe pasar habitualmente. Segundo el esta demora débese fundamentalmente a que a documentación está sendo analizada polos técnicos municipais así como tamén por asesores xurídicos co fin de esgotar tódalas posibilidades ó favor de María do Carmen Pouso antes de tomar unha decisión ó respecto, intentando sempre coa legalidade que poida construir unha vivenda na súa propiedade.

    Redacción Barbanza