A Pobra rende honras á Virxe do Carmen dos Pincheiros

    POBRA> Un dos actos principais da programación foi a procesión celebrada onte domingo e que reuniu a centos de veciños e visitantes. Ó longo desta pasada fin de semana na Pobra do Caramiñal foron moitas as actividades que se levaron a cabo, dende actuacións musicais a xogos pasando por acontecementos deportivos. Toda unha serie de actividades organizadas pola comisión de Festas do Carme dos Pincheiros, en colaboración co concello, e que viñan a satisfacer a todo tipo de públicos, tanto pequenos coma maiores. Mais se cabe as celebracións tiveron onte domingo o acto principal do programa coa tradicional procesión na honra da Virxe do Carme, que se iniciou nada máis rematar a misa solemne, ó redor das sete e media. Neste acto participaron un bo número de veciños da localidade e tamén visitantes, que quixeron acompañar á virxe no seu percorrido polas rúas da localidade, dende a igrexa do Caramiñal ata o pantalán existente en fronte ó porto deportivo a carón da praia do Areal. Acompañando á procesión os membros da banda militar da Brilat, unha banda xa asidua a este tipo de actos na Pobra, así como tamén outras agrupacións, sen esquecer tampouco ós xigantes e cabezudos, tamén unha tradición nestas festas. Durante a xornada de hoxe, último día das festas do Carme dos Pincheiros, os nenos foron os verdadeiros protagonistas con diversos xogos inchables e a festa da escuma na Praza Alcalde Segundo Durán. Pola noite está previsto a actuación das orquestras Aramio e o Grupo Charada, e ó redor das doce a gran queima de fogos artificiais e o combate naval.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí