O goberno da Pobra inclúe dúas novas alegacións no inventario de camiños

    POBRA> O goberno da Pobra presentou novamente o inventario municipal de camiños. O documento inclúe dúas novas alegacións, das seis presentadas nesta fase de revisión. En novembro, cando se aprobou o inventario de camiños, o goberno comprometeuse a revisalo e presentalo novamente no primeiro trimestre deste ano. Neste proceso, presentáronse seis novas alegacións, das que se estimaron dúas. Véñense sumar ás vinte e unha incluídas na fase anterior dun total de corenta e tres presentadas. Nas numerosas asembleas veciñais celebradas, o concello recolleu dez alegacións das que se tiveron en conta sete. Unha vez aprobado, o inventario volverá revisarse en xaneiro de 2018. O obxectivo do goberno é contar cun documento en constante renovación susceptible de ser modificado cando xurda a necesidade xa que só precisa da aprobación do pleno.