Os locais boireses deberán instalar sonógrafos medidores de ruído

    xuntanzamovida_100_031106.jpgBOIRO > O concello de Boiro está cada vez máis preto de consensua-la ordenanza sobre movida nocturna.

    O concelleiro de Urbanismo, Xoán León, fixo un balance moi positivo da nova xuntanza mantida entre os colectivos afectados na que se deu un paso máis cara o consenso da normativa municipal.

    Hostaleiros e veciños afectados coincidiron na necesidade de instalar sonógrafos medidores de ruídos en tódolos establecementos de nova apertura. Aqueles locais sobre os que pese algunha sanción deberán instalar tamén un equipo destas características.

    Tamén houbo consenso no relativo á instalación de cámaras de vixilancia no exterior dos establecementos. Tódalas partes implicadas coincidiron en descartar esta medida posto que consideran que vulnera a intimidade dos cidadáns.

    Pola contra, os afectados por esta normativa non conseguiron poñerse de acordo na distancia a manter entre os establecementos hostaleiros. Os veciños reclaman que exista unha maior separación física, o que obrigaría a unha modificación puntual do plan urbanístico. Ante a falla de acordo, os implicados decidiron pospoñer o debate deste punto ata a próxima reunión que probablemente terá lugar a próxima semana.

    Redacción Barbanza