Vilanova poderá contar o vindeiro ano cun centro de día

    VILANOVA > Vilanova debaterá en pleno a súa integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Con esta medida, o Concello poderá axilizar a construcción dun centro de día.

    alcaldevilanovaquintana_200_031106.jpgO alcalde de Vilanova convocará un pleno extraordinario a vindeira semana para abordar a integración deste concello no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Gonzalo Durán reuniuse hoxe co vicepresidente de Igualdade, Anxo Quintana, quen lle propuxo esta opción como a máis idónea para axilizar a construcción dun Centro de Día. Gonzalo Durán achegoulle a Anxo Quintana a importante demanda que hai en Vilanova deste tipo de servizos e para iso achegoulle un proxecto realizado polo Concello despois dun estudo previo de necesidades. Esta actuación está valorada en 700 mil euros e para ela o goberno local propón unha parcela municipal en Cálogo de 3.000 metros cadrados, cualificada xa no PXOM para servizos sociais.

    O Centro contaría nun principio cunha superficie de 500 metros cadrados, distribuídos nunha soa planta para facilitar a mobilidade dos usuarios. Abriríase con 40 prazas con posibilidade de ampliación, do mesmo xeito que xa se fixera coa gardería municipal. Segundo lle comunicou o vicepresidente ó alcalde, o centro de día de Vilanova podería construírse o vindeiro ano. Coa a adhesión ó Consorcio a Xunta aportaría o 80 por cento do custe total da obra, poñendo o restante o Concello.

    Durán valorou o encontro con Quintana como cordial. Recoñece que hai temas nos que non está conforme co goberno da Xunta, pero o alcalde di que neste caso é unha actuación necesaria e por iso se presta a colaborar.

    Redacción Salnés