![]()
BARBANZA > Os patróns maiores de Arousa mantiveron unha xuntanza para analiza-lo desenvolvemento da campaña nos bancos do Bohído e Os Lombos.
Á xuntanza mantida en Santiago coa titular de Pesca, Carme Gallego, acudiron boa parte dos representantes das confrarías da Ría de Arousa, entre eles os patróns maiores de Rianxo e Pobra do Caramiñal, Baltasar Rodríguez Alcalde e Manuel Maneiro, respectivamente.
O motivo da mesma non era outro que analiza-la situación actual dos Lombos do Ulla despois de varias semanas de abrir alí o marisqueo. O encontro serviu tamén para que a Consellería de Pesca e o propio sector chegasen ó acordo da apertura dunha nova zona dese banco de libre marisqueo, concretamente a un.
A partir do vindeiro luns as embarcacións fondearán neste espazo e deixarán atrás a zona cero, a máis próxima ó río, na que ata o de agora estiveron traballando nestas primeiras xornadas.
Os mariscadores que traballen nos Lombos poderán extrae-los mesmos topes cos que traballaron anteriormente: cinco quilos de berberecho, dous de ameixa fina e tres de xapónica. Sobre o que si non se chegou a un acordo foi a respecto do sistema de vixilancia nesta zona.
A Consellería de Pesca destinou no seu día un total de 70 mil euros para o plan colectivo de vixilancia neste banco marisqueiro.
Redacción Barbanza










