O conselleiro de Industria analiza os datos do paro na oficina de Emprego de Boiro

BOIRO> O conselleiro de Industria, Francisco Conde, valorou esta mañá en Boiro os datos do paro. Segundo el, atendendo á comparativa anual, Galicia rexistrou unha diminución do desemprego por debaixo do 7,64%, situándose en preto de 12.500 parados menos. Uns datos que sitúan á Comunidade en niveis inferiores ós de hai máis dunha década.

A nivel nacional os datos do Servizo Público de Emprego en canto ó número de desempregados evidencia unha reducción en 4.253 persoas durante o pasado mes de xullo, o menor recorte para ese mes desde 2008. Unhas cifras que se contrapoñen significativamente co experimentado en Galicia. Segundo explicou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, a nosa comunidade liderou a caída do paro na evolución anual en España e tamén o do incremento das afiliacións á Seguridade Social. Francisco Conde destacou que o paro se pechou no mes de xullo en 150.921 persoas, a mellor cifra desde xullo de 2008, estando moi próxima á reflectida ó inicio da crise.

O titular de Economía apuntou, ademais, que a creación de emprego continúa en crecemento. Galicia segue superando o millón de afiliados á Seguridade Social cun aumento no último ano do 1,56%.

O paro tamén baixa en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-15,55%), seguida da agricultura e a pesca (-8,24%), a industria (-6,53%), e os servizos (-6,37%).

Francisco Conde facía estas declaracións durante unha visita á oficina do Servizo Público de Emprego de Boiro.  A Xunta vén de poñer en marcha un plan de modernización que inclúe a renovación da imaxe de tódalas oficinas de emprego de Galicia e tamén dos centros de formación para o emprego. A de Boiro é a primeira que loce xa esta nova imaxe, co obxectivo de dar unha resposta axeitada ás demandas actuais das empresas e dos demandantes de emprego, así como tamén de mellorar as condicións do seu persoal. O modelo estase implantando progresivamente no resto das oficinas, que contarán cun sistema de xestión de calidade e de mellora continua, para proporcionar ós usuarios servizos acordes á nova era dixital. O Conselleiro explicou ademais que xa está en marcha un novo portal de emprego no que se difunden a tempo real as ofertas en activo e tamén está operativo o buscador de formación, no que os interesados en facer un curso poden elixir a materia e o centro onde se imparte en calquera concello de Galicia.