BARBANZA> O presidente da Xunta recibiu ás tres asociacións de redeiras que participaron no proxecto ‘Enredadas’ polo que a administración autonómica resultou galardoada nos Premios Nacionais de Artesanía. Núñez Feijoo destacou o compromiso deste colectivo coa identidade cultural e patrimonial de Galicia.
O proxecto ‘Enredadas’ no que participaron redeiras de varios puntos de Galicia dende o ano 2012 tiña por obxectivo diversificar a actividade deste colectivo, elaborando produtos artesáns coas redes. Esta iniciativa valeulle á Xunta de Galicia un importante recoñecemento na última edición dos premios nacionais de artesanía.
É por isto que dende a administración autonómica quixeron recoñecer o importante labor das tres agrupacións que participaron no proxecto cunha recepción co presidente, Alberto Núñez Feijoo, e a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Durante o encontro, o titular autonómico destacou a importancia de manter viva esta profesión e de dala a coñecer tamén a través da artesanía. O presidente gabou tamén o carácter emprendedor das mulleres mariñeiras que loitan por garantir o relevo xeracional no mundo marítimo e favorecer a igualdade de oportunidades profesionais.