Sae a licitación a segunda fase da mellora da estrada Boiro-Noia por preto dun millón de euros

BARBANZA> A Deputación da Coruña vén de licitar por preto dun millón de euros a segunda fase das obras de mellora da estrada entre Boiro e Noia. Completarase así a reforma integral desta vía, que supón unha das principais liñas de comunicación entre as comarcas do Barbanza e Muros-Noia.

A Plataforma de Contratación do Estado publica hoxe mesmo a licitación pública da segunda fase das obras na estrada DP-1105 que une os concellos de Noia, Boiro e Lousame.

A actuación, financiada pola Deputación da Coruña cun orzamento de 923 mil euros, dará continuidade á primeira fase xa acometida nun treito de cinco quilómetros e medio da vía provincial. Os traballos estenderanse ata o quilómetro 13 e consistirán na renovación da plataforma, roza das marxes, apertura de beiravías e cunetas e pintado e renovación da sinalización.

Con esta nova actuación, a Deputación destina millón e medio de euros para completar  a mellora integral desta estrada que rexistra un importante volume de tráfico, xa que constitúe unha das principais liñas de comunicación entre as comarcas do Barbanza e Muros Noia.