Cinco anos de cárcere para o pedófilo uruguaio detido en Pontevedra

    PONTEVEDRA > Xa hai sentencia no caso do cidadán uruguaio e residente en Estados Unidos que foi xulgado hai unhas tres semanas en Pontevedra por distribuír pornografía infantil en internet. A Audiencia Provincial, determinou 5 anos de prisión para Pablo Antonio Rodríguez Sanguinetti, de 64 anos de idade, que no xuízo do pasado 24 de outubro se recoñeceu responsable de distribuír en internet fotografías e vídeos de pornografía infantil.

    pederasta_200_251006.jpgDurante a vista, este cidadán uruguaio, aínda que residente en Estados Unidos, non negou posuír unha colección de máis de 1000 fotografías porno pero dixo que o número delas nas que aparecen menores de idade deben ser tan só cinco. Unhas fotografías descargadas, ó parecer, para agasallar con elas á persoa coa que mantivo contacto vía internet durante seis meses e da que asegurou terse namorado.

    O que Pablo Antonio, coñecido nos chats como Federico, non sabía era que esa persoa era un gancho da Garda Civil. Por esa persoa, que compareceu durante o xuízo, asegurou terse aventurado a darse de alta en chats, descargar material e facerlle un CD-agasallo con fotografías que lle foi incautado no aeroporto na súa viaxe a España para coñecer ó que cría o seu namorado. Durante o xuízo fóronlle amosadas algunhas e non puido negar que as recoñecera.

    A fiscalía ofreceu ó tribunal escoller entre 16 ou mil anos de condea. A primeira tese foi defendida polo fiscal xefe César del Pozo, que o acusaba só por un delicto continuado de distribución e tenencia de pornografía infantil. Mentres que a segunda era do fiscal do caso Luis Uiarte que o consideraba responsable de 115 delictos de pornografía infantil, tantos como menores afectados. Parece que o tribunal se decantou máis pola primeira tese, pero aínda así os 5 anos de prisión que determina distan moito do que pedía a fiscalía. En todo caso a sentencia non é firme e cabe recurso.

    Redacción Salnés