Malestar en Noia polas inspeccións ás embarcacións dos mariscadores

NOIA> Un grupo de mariscadores de a flote de Noia mostraron o seu malestar polas continuas inspeccións que están a recibir neste inicio da campaña por parte dos axentes do Servizo de Gardacostas da consellería do Mar. A maioría delas gardan relación co uso de embarcacións auxiliares. Unha práctica bastante habitual en tódalas Rías, pero que está fóra da legalidade.

Os ánimos no seo da agrupación de mariscadores a flote da confraría de pescadores de Noia neste inicio de campaña andan un tanto revoltos. As razóns. As continuas inspeccións que están a sufrir, tanto no mar coma en terra, por parte dos axentes do Servizo de Gardacostas da consellería do Mar que comproban que o folio da embarcación se corresponde co autorizado para poder mariscar e non con auxiliares. Trátase dunha práctica bastante habitual na maioría das rías, pero a todas luces ilegal. En Noia afecta ó redor dunhas vinte embarcacións, aínda que non todas foron sancionadas. Os afectados aluden a motivos de seguridade e tamén de operatividade no traballo o feito de mariscar con embarcacións auxiliares. Argumentan que coas grandes, de máis de dez metros de eslora, teñen máis dificultades de acceder as concesións e as manobras propias do manexo do rastro son máis complexas, poñendo en serio risco a súa saúde e tamén a do resto de mariscadores. Pola contra, outros armadores vén con bos ollos estes controis, xa que hai moitos produtores que alugan barcos e non os empregan, e traen as súas propias embarcacións. Algo para eles inxustificado. O colectivo de mariscadores afectados agarda poder entrevistarse nos próximos días con responsables da consellería do Mar e trasladarlle directamente esta problemática, e tratar de regularizar a súa situación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí