Súmase á herdanza do PP a débeda con Necso e os expropiados da Cachada

    deira_100_061106.jpgBOIRO > O executivo boirés recoñeceu que a débeda do goberno do PP ascendía a sete millóns de euros.

    Sen embargo, os representantes municipais engaden a esta contía a débeda contraída coa empresa Necso pola construción da casa consistorial así como o pago dun millón de euros para os expropiados pola ampliación do Parque da Cachada.

    Á débeda inicial herdada polo tripartito do anterior goberno do PP, que ascendía a un total de 7.272.000 euros hai que engadir os 805 mil euros que hai que pagar á empresa Necso pola construción da casa consistorial así como o millón de euros cos que indemnizar ós propietarios afectados polas obras de ampliación do parque da Cachada. Segundo os representantes do goberno municipal, estes pagos son responsabilidade única e exclusiva do PP polo que, en total, a débeda ascendería en case dous millóns de euros.

    O goberno terá que afrontar estes pagos cunha operación de préstamo que, aínda así, situará a débeda viva no 105 ‘623 por cento, por debaixo do límites establecido pola lei.

    Lonxe de afrontar as críticas dos populares, a alcadía de Boiro sostén que a verdadeira crispación política no pobo está a ser provocada polo ‘xogo desleal de Xesús Alonso que utiliza á súa familia como estratexia política para desacreditar ós responsables do goberno local’. O executivo considera que esta situación constitúe o ‘reflexo da crise institucional pola que deambula o PP de Boiro, na consagración dun candidato, que poida ser manexado polos anteriores líderes populares’.

    O goberno local tamén quixo desmenti-las acusacións relativas á persecución política contra varios membros do PP. Neste sentido, Xoán Xesús Ares entende que o feito de facer pública a débeda deixada polo anterior goberno non constitúe un ataque contra Xesús Alonso e Manuel López Outeiral, senón que se debe entender como unha obriga por parte do concello para esclarecer ó pobo a situación de endebedamento en que se atopan as arcas municipais.

    Redacción Barbanza