A CIG critica a situación das gardas no ambulatorio de San Roque

    VILAGARCÍA > A CIG pediu a dimisión da directora médica da Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra na zona Norte, Aida Méndez, e do seu director asistencial, Juan Crespo. O sindicato denunciou a pésima xestión en xeral e dos recursos en particular de ambos…

    …especialmente nos últimos días nos que se foron acumulando as denuncias de situacións irregulares nalgúns centros da Estrada, Marín e, máis recentemente, en Vilagarcía.

    O Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde de San Roque de Vilagarcía foi o último dos casos denunciados pola CIG e que levou a que, dende o sindicato, pidan a dimisión dos responsables de Atención Primaria da zona norte de Pontevedra. Ó parecer, nese centro levan algúns meses con dúas facultativas de baixa por maternidade que obrigaron ó centro a remodelar o planning das gardas. Estas gardas estaban a ser realizadas por unha facultativa contratada ocasionalmente. Despois de que unha mutua privada lle ofrecera un contrato de catro meses para a substitución dunha baixa por maternidade propuxo ó centro que a contrataran nas mesmas condicións para non ter que irse e decantarse polo novo posto ofertado.

    Trala negativa do Sergas a facultativa decidiu aceptar o traballo da mutua e no centro non foi cuberta a súa vacante. Dende a CIG consideran moi grave o asunto tendo en conta que había a posibilidade de que a empregaran e non entenden porque non o fixeron. Por isto consideran que se está a facer unha pésima xestión dos recursos por parte dos responsables de Atención Primaria da zona norte pontevedresa e piden a súa dimisión.

    Redacción Salnés