RIANXO> A confraría de Rianxo solicitará á Consellería do Mar a posibilidade de comercializar a vieira en fresco. A vindeira semana manterán unha reunión con depuradoras e conserveiras para plantexar esta proposta que suporía importantes beneficios para os mariscadores.
Tras constatar a existencia dunha importante demanda nas canles de comercialización e, en vista dos bos resultados das analíticas publicadas polo Intecmar, a confraría de Rianxo demanda que se autorice a extracción de vieira para a súa comercialización en lonxa.
No caso de obter autorización sería preciso elaborar un plan de explotación entre tódalas confrarías interesadas, para as que a apertura desta especie reportaría importantes beneficios.
O patrón maior entende tamén que a medida sería beneficiosa para a produtividade da ría.