A Illa visita o pasado da conserva coa realidade aumentada

MADRID> A Illa de Arousa aposta polas novas tecnoloxías para fomenta-lo turismo. O municipio insular presentou en FITUR uns lentes de realidade aumentada. Con eles, o visitante poderá viaxar ó pasado da Illa e descubrir como se traballaba noutrora a conserva.

Viaxar ó pasado nunca foi tan doado. A Illa de Arousa lanza un novo xeito de facer turismo, na que o visitante, pode retroceder no tempo. Isto é posible grazas a uns lentes de realidade aumentada, que nos permitirán mergullarnos na historia mariñeira da vila.

Os peculiares lentes de realidade aumentada poderanse desfrutar no Centro de Interpretación da Conserva, un dos puntos máis emblemáticos da tradición mariñeira insular.

Con esta iniciativa, a localidade busca incentiva-lo turismo industrial, unha modalidade que nos últimos anos foi gañando cada vez mais adeptos.

Porque o mar foi, é e será -sempre- o protagonista da Arousa. Pero coa implantación das novas tecnoloxías o que se pretende agora é diversifica-los seus aproveitamentos turísticos.

A feira de Fitur, en Madrid, foi o escenario elixido para o lanzamento dos lentes de realidade aumentada.