A boa cotización favorece a campaña marisqueira de verán en Ribeira

    RIBEIRA> A confraría de Ribeira continúa inmersa na campaña marisqueira de verán. Unha campaña que previsiblemente se manterá ata outubro e que en liñas xerais está a resultar positiva en canto a prezos. O patrón maior de Ribeira, Xosé Antonio Pérez, valorou positivamente a campaña marisqueira de verán na que está inmersa a entidade, grazas en parte ó alto prezo que está a acadar o marisco en lonxa. Os produtores dedícanse á captura da ameixa roxa, a única das variedades que hai actualmente nas zonas de traballo abertas a estas alturas, como é o caso das zonas exteriores de Coroso. Na campaña, que se prolongará previsiblemente ata outubro, participan ó redor duns cincuenta produtores, ós que lles está a resultar complicado acadar os topes establecidos, quince quilos por persoa.