![]()
VILAGARCÍA > O Concello acolleu hoxe unha reunión do Consorcio cos representantes de Zona Aberta, Cámara de Comercio e FECA.
O Consorcio de Compensación de Seguros leva tramitados en toda Galicia 7.800 expedientes por danos ocasionados polas inundacións deste outono. Destes preto de catro mil son de Vilagarcía de Arousa e municipios do seu entorno. A día de hoxe o Consorcio tiña pagados 256 expedientes por valor de millón e medio de euros. Ademais, un total de 25 peritos están a traballar na zona de Vilagarcía para cumprimentar as valoracións dos danos e as previsións son que estes traballos estean rematados a finais do mes de febreiro.
En canto a danos a particulares e colectivos, un total de 306 formularon a través do Concello as súas solicitudes de axudas. A gran maioría dirixíronse á Consellería de Vivenda e Solo para sufragar a reparación en edificios, vivendas, garaxes e enxoval doméstico de primeira necesidade. Para Innovación e Industria foron 82 solicitudes, outras 16 para Medio Rural, 3 para Presidencia e outra para Medio Ambiente.
En Cambados, o número de solicitudes tramitadas é de 115, e entre as parroquias máis prexudicadas están Corvillón, Vilariño e Oubiña. Os danos en vivendas, con avaría de electrodomésticos e mobles, xunto cos derrubes de muros e perda de colleitas foron os casos máis citados.
Redacción Salnés








