O GROVE > As vendedoras de peixe da praza de abastos de O Grove están moi desgustadas co proxecto da confraría de crear un punto de venta directo na lonxa. Cren que de adoptarse esta decisión crearíase unha competencia desleal por parte da confraría que lles custaría os seus postos de traballo. O concello e UPTA apoian ás vendedoras da praza de abastos.
A posibilidade de que os mariñeiros e mariscadoras dean o salto á comercialización dos seus productos no Grove non gusta nada ás vendedoras da praza de abastos que ven perigar os seus postos de traballo.
O patrón maior meco, Francisco Iglesias, avanzaba hai uns días a posibilidade de crear un punto de venta na lonxa que axudara a estabilizar os prezos do peixe. A asociación de vendedoras da praza de abastos están dispostas a negociar uns prezos mínimos pero non a que exista unha competencia desleal en contra delas.
Se non se chega a ningún acordo a asociación loitará polos seus soldos, chegando a tomar calquera tipo de medida. Ata o momento as vendedoras decidiron comprar o peixe na lonxa, na vendeduria Ramón Álvarez e non ós mariñeiros da confraría.
O alcalde meco, Miguel Angel Pérez apoia as vendedoras, e lembrou que o concello fixo unha aposta forte polo mercado municipal e segue crendo nas súas posibilidades. Ademais cre que a confraría danaría seriamente o modo de vida das vendedoras. As pescantinas contan tamén co apoio da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos que ven innegociable a posibilidade de que os mariñeiros e mariscadoras monten un posto de venta. Cren que xuntos poderían negociar un prezo mínimo do peixe ó igual que pasa no caso do marisco.
Redacción Salnés