Non sempre chove a gusto de todos

    rosalia_peman_100_160107.jpgO GROVE > O Foro de Turismo Rías Baixas analizou o valor turístico da información do tempo, cos meteorólogos da televisión, …

    … Florenci Rey, Rosalía Fernández e Santiago Pemán.

    A información do tempo xoga un papel importante na promoción turística dun entorno. E en casos como as Rías Baixas, cun microclima diferente ó resto da comunidade, moitas veces o sector quéixase de que as prediccións que se fan para Galicia nada teñen que ver coa realidade. Sobre isto reflexionouse no cuarto Foro de Turismo Rías Baixas. Os meteorólogos Rosalía Fernández, de Telecinco e Florenci Rey, de Cadena Ser e Cuatro falaron da dificultade que implica realizar unha predicción exacta do tempo para as vindeiras horas, entre outras cousas, porque cada vez as cadeas de televisión dispoñen de menos tempo para dedicarlle a este tipo de información.

    florencirey_200_160107.jpgFlorenci Rey incidiu tamén nos cambios estacionais que estamos a vivir desde hai uns anos, cando o tempo real non se corresponde coa estación que vivimos e que xa deixou sinais nesta zona, como foron as riadas de finais de ano. Unha situación que segundo vaticinou se podería repetir. Nesta mesa redonda sobre ‘O valor turístico da información meteorolóxica’ tamén interveu Santiago Pemán, da Televisión de Galicia. Recoñeceu tamén que estamos vivindo anos atípicos en canto ó clima, e para o vindeiro verán a súa predicción é de tempo seco e cálido. No seu caso dispón de máis tempo que nas cadeas nacionais para dar a información, aínda que recoñece, entre bromas, que cando a predicción é variable prefire apostar pola máis mala.

    O Foro Turismo Rías Baixas concluíu coa entrega de premios do segundo concurso de fotografía promovido polo padroado, no que participaron 109 autores. O primeiro premio foi para Consuelo García pola foto Agasallos do Mar, polo que recibiu 3.500 euros. O segundo, dotado con mil euros foi recollido por Rafael Sánchez Agustino, por Anoitecer en Ons. O terceiro premio quedou deserto e o gañador do primeiro accesit, Xavier Pastrana non acudiu ó acto. Si estivo Dolores Ponce, a autora da fotografía Acuarium, gañadora do segundo accesit dotado con 250 euros.

    Redacción Salnés