Un paseo gastronómico e patrimonial pola tradición mariñeira da Illa de Arousa

A ILLA> A Illa viviu hoxe unha xornada arredor da cultura mariñeira. Da man dos obradoiros de turismo e hostalería da Mancomunidade do Salnés, a vila insular presumiu nesta xornada de gastronomía e patrimonio. Foi nunha iniciativa conxunta na que o alumnado de cada un destas actividades tivo ocasión de poñer en práctica as súas aprendizaxes.

Un paseo arredor da cultura mariñeira da Illa de Arousa. Esa foi a proposta deseñada para hoxe polos Obradoiros de Emprego de Turismo e Hostalería da Mancomunidade do Salnés. As dúas accións formativas uníronse nunha actividade conxunta. Uns prepararon pratos típicos do municipio insular, mentres os outros ensinaban os encantos da Illa a grupos reducidos.

Na parte gastronómica, o alumnado do obradoiro instalou hoxe os seus fogóns no Muelle de Pau. Prepararon receitas moi saborosas a base de produtos ben coñecidos na Illa. E mentres eles cociñan, o alumnado do obradoiro de turismo aproveita para amosa-los encantos do municipio a través de percorridos guiados a grupos reducidos.

Ámbalas dúas propostas son resultado da adaptación destes obradoiros ao actual contexto sanitario. A xornada rematou co repardo de menús entre o público que asistiu ao showcooking.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí