Quinteiro da Cruz presenta a certificación de Xardín de Excelencia Internacional da Camelia

RIBADUMIA> O Pazo de Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, xa é –de xeito oficial- un Xardín de Excelencia Internacional da Camelia. Hoxe presentouse a certificación que o acredita, nun acto no a presidenta da Deputación salientou que dos 52 espazos recoñecidos con esta distinción, en España só hai 4 e que todos eles están na provincia de Pontevedra.

Con máis de 2.000 variedades de camelia, o Pazo de Quinteiro da Cruz é xa, oficialmente, un Xardín de Excelencia Internacional da Camelia. Este é o recoñecemento de maior relevancia no sector e posúeno tan só 52 espazos no mundo. Ademais de Quinteiro da Cruz, tamén dende hai unhas semanas o Pazo da Seleta, en Meis, conta con este distintivo. En total, na provincia de Pontevedra hai 4 espazos con este distintivo, os únicos de toda España.  Para a presidenta de Deputación este pintoresco espazo, que hoxe visitou, é algo do que presumir a nivel mundial.

Carmela Silva falou de Pontevedra como a provincia raíña da camelia. Para a presidenta, é fundamental tratar a esta especie dun xeito estratéxico, como un elemento –dixo- que pode chegar a ser tan relevante no sector turístico como o camiño de Santiago.

Ademais de riqueza natural e patrimonial, Quinteiro da Cruz tamén é innovación. Neste espazo levan anos traballando en novas utilidades para a camelia. Unha delas é o aproveitamento do té da camelia no sector téxtil.

O alcalde de Ribadumia aproveitou para lembrarse do esforzo dos pais dos actuais propietarios do Pazo. Un matrimonio, dixo, que traballou moito a prol da recuperación deste espazo senlleiro.

Tanto o pazo de Quinteiro da Cruz, como o da Saleta, en Meis, foron recoñecidos co distintivo internacional no congreso internacional da camelia que se celebrou na cidade francesa de Nantes hai unhas semanas.