Máis de mil cincocentas persoas reclaman un cambio de rumbo de Pesca

    VILAGARCÍA > Doce confrarías das Rías Baixas, incluída O Grove, concentráronse hoxe diante do Intecmar de Vilaxoán.

    Pedían un cambio de rumbo da política da Consellería de Pesca. Aseguran que dende a chegada de Carmen Gallego, o sector deixou de ter voz e non se conta coas confrarías para nada. E iso, dixeron hoxe en Vilaxoán, non o van permitir máis.

    Ó final foron 12 as confrarías que se sumaron á mobilización, incluído o pósito do Grove. O seu patrón maior estivo presente durante todo o acto aguantando estoicamente as increpacións do resto de pósitos. Por este motivo e para evitar aumenta-la tensión non quixo facer declaracións ós medios. Só aclarou que cumpre o desexo democrático da súa asemblea.

    Confrarías privilexiadas

    Os convocantes da manifestación consideran que O Grove e A Pobra son as únicas confrarías para as que goberna a conselleira de Pesca que se nega a escoitar ó resto do sector. E anque o tema de Cabío foi o detonante, hai moitos outros problemas sen resolver como a paralización do plan de extracción do Bohído, a imposibilidade de traballa-lo relojito, problemas no bou de vara e de man ou a falla de vixiancia.

    Por algunhas destas cuestións xa se manifestaran hai uns meses en Santiago pero non tiveron solución, polo que volven a reivindicalas e o farán, aseguran, ata que se lles busque unha solución. Non van desistir ata que Pesca cambie completamente a súa política e non van permitir ningún tipo de boicot, porque así califican á xuntanza convocada onte pola conselleira en Santiago.

    ‘Estamos dispostos a dialogar pero será despois desta manifestación. O que non imos aceptar son presións para que desconvoquemos protestas porque á conselleira non lle gusta que saiamos nos medios berrando contra ela’, decían hoxe os organizadores da convocatoria. A concentración, que durou unha hora, rematou sen incidentes e cunha idea clara entre os participantes: sen diálogo e solucións non haberá tregua.

    Redacción Salnés