Educación cesa ó director do IES A Illa por ‘incumprimento grave’

    A ILLA> O próximo 31 de decembro o director do instituto da Illa Alfonso Malvido quedará definitivamente apartado do seu cargo. A consellería de Educación fixo pública hoxe a resolución da Inspección educativa na que se conclúe que o docente excedeu as súas atribucións ó decidir atrasar o inicio das clases, actuou ilexitimamente ó dar máis autoridade ó consello escolar que á xefatura territorial de Educación e no soubo xestionar os recursos humanos cos que contaba ó principio do curso. De pouco serviron as manifestacións da comunidade educativa, as alegacións presentadas polo director e as peticións realizadas ante Educación. A xefatura Territorial de Cultura e Educación de Pontevedra vén de confirmar a revogación do nomeamento de Alfonso Malvido como director do IES da Illa de Arousa, co que a partir do 31 de decembro, o docente quedará definitivamente apartado do cargo. Ó longo de 16 páxinas, a autoridade educativa confirma e argumenta as tres infraccións que se lle atribuían ó director no momento no que se abriu o expediente. En canto ó atraso de dous días o inicio das clases, indica a Inspección Educativa que as únicas que poden ‘autorizar as modificacións das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento’ dos centros son as xefaturas territoriais, e, en calquera caso, ‘deben ser solicitadas con 15 días de antelación’. Engade que o director actuou desoíndo as insistencias do inspector da zona para que se comezasen as clases na data fixada,’ incumprindo a súa obriga, como representante da administración, de garantir o cumprimento das leis e das disposicións vixentes’. En terceiro lugar, Educación culpa a Malvido de ‘excederse nas atribucións que lle outorga á lei’ ó conceder ó claustro do instituto a responsabilidade de decidir sobre a incorporación ás aulas dos estudantes e informar mediante un comunicado ós pais do cambio, cando esta potestade corresponde unicamente ó do xefe territorial de Educación. Por último o informe desbota as alegacións presentadas polo director nas que argumentaba que atrasara o inicio das clases por darse un suposto de ‘Estado de Necesidade’. Segundo Educación, o Estado de Necesidade é unha figura contemplada no Código Penal e non no Dereito Administrativo, que é o que cómpre aplicar a este tipo de situacións. E conclúe indicando que o instituto, sen o mestre de reforzo que se agardaba, dispoñía do ‘persoal suficiente’ para cubrir con gardas a clase ou clases que quedaran temporalmente sen o docente, co que botan en cara a Malvido que fora ‘incapaz de xestionar’ axeitadamente os recursos humanos que a administración puxo á súa disposición. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/16/revogandirectoriesilla.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/16/REVOGAN_DIRECTOR_IES_ILLA.mp4{/flowplayer}