O BNG ribeirés denuncia o abandono do polideportivo da Fieiteira

    polideportivofieiteira_100_260107.jpgRIBEIRA > O BNG de Ribeira denunciou a situación de abandono na que se atopa o polideportivo da Fieiteira.

    Esta non é a primeira vez que os membros do BNG de Ribeira denuncian o lamentable estado que presenta esta infraestrutura deportiva. Os nacionalistas ribeireses fan referencia ás numerosas deficiencias como é o caso de portas rotas, a falla de limpeza, as goteiras e as filtracións de auga no interior do complexo deportivo, así como tamén os problemas de humidades.

    A situación é tan sangrante para eles que mesmo a pesar de ter uns dezasete anos de antigüidade a piscina aínda non dispón de taquillas que lle facilitarían ós usuarios unha mellora na utilización dos servizos.

    Os nacionalistas tamén denuncian o estado no que se atopa actualmente o novo vaso recentemente construído na piscina grazas a unha subvención da Deputación da Coruña e que a pesar de estar rematado hai varios meses aínda non se puxo en funcionamento.

    Precaria situación laboral

    O BNG ribeirés denuncia tamén a situación laboral na que se atopan os traballadores e traballadoras destas instalacións, moitos dos cales están sen seguro e pagándolles por factura.

    Ante esta situación os membros do grupo municipal do BNG xa presentaron unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que lle demandas ó equipo de goberno que regularice a situacion dos traballadores do complexo deportivo, así como que faga urxentemente as deficiencias detectadas no pavillón e na piscina climatizada. 

    Fontes municipais informaron a este respecto que nos orzamentos deste ano 2007 está contemplada a cantidade de 120 mil euros para levar a cabo diferentes melloras nas distintas instalacións deportivas do municipio. Neste sentido o edil de Deportes de Ribeira, Miguel Ángel Tomé, manifestou que esta cantidade permitirá mellorar tódalas instalacións municipais, entre elas as do complexo deportivo da Fieiteira.

    O concelleiro de Deportes explicou que as obras aínda están sen entregar porque falta que a Consellería de Industria autorice o Boletín de enganche, agardando dende o concello a que este trámite se realice á maior brevidade posible. Miguel Ángel Vidal sinalou ademais que esta Consellería depende do BNG, polo que considerou de paradóxico que esta formación critique o retraso na entrada en funcionamento dunha obra que está á espera dunha autorización dependente so seu propio partido.

    En relación á situación do persoal dende o executivo sinálase que o concello ten un acordo co Club Deportivo, que é a entidade que ten contratados ós monitores. Todos están segundo o goberno local nunha situación legal, con contrato en vigor, algúns a tempo completo e a outros a tempo parcial, polo que non existe ningún monitor que cobre por factura.

    O executivo ribeirés, deste xeit,o sae ó paso das críticas do BNG, aludindo ademais a que dende sempre apostou pola Fieiteira coma un gran complexo deportivo. Segundo fontes municipais unha vez rematadas as actuais obras Ribeira vai dispor dunhas instalacións do máis axeitadas para a dinamización do deporte a tódolos niveis.

    Redacción Barbanza