PORTO DO SON> Unha vintena de embarcacións participarán na regata Ramiro Carregal Rey-Trofeo Faro de Corrubedo que se celebrará os días 18 e 19 de xuño entre Portosín e Ribeira.
Nesta vixésimo segunda edición a Regata Ramiro Carregal Rey incorpora importantes novidades. Unha delas é que volverá formar parte do calendario da copa Galicia de Vela, un trofeo que nos últimos dous anos permaneceu nas instalacións de Portosín co triunfo das súas embarcacións.
Outra das novidades é o cambio na xornada do domingo que substituirá o tradicional barlovento sotavento por unha volta a Sálvora.
A amizade entre os clubs náuticos de Portosín e Ribeira está na orixe desta regata cando, 22 anos atrás, o daquela presidente do náutico ribeirense decidiu organizar unha navegación entre amigos que culminou nunha das máis importantes regatas de Galicia.
Na cita deste ano tomarán parte embarcacións emblemáticas como o Siradella, Draco, o Moucho ou o Corsario.