O GROVE > O neno, falecido onte tralo accidente sufrido o martes, foi enterrado no Grove nunha cerimonia marcada pola conmoción.
A traxedia e a mala sorte ceibouse con esta familia meca que esta tarde enterraba ó seu terceiro membro, o pequeno Rubén de 8 anos. De novo todo o pobo achegouse ata a igrexa de San Martiño para acompañar á destrozada familia. Ademais do viúvo José Guillán, estaba toda a familia da súa muller, Teresa, falecida no accidente do martes xunto coa súa filla pequena, Sara.
Foi precisamente durante o seu enterro cando se soubo do empeoramento de Rubén, que ata entón evolucionaba favorablemente no hospital de Pontevedra. Sen embargo unha crise cardio respiratoria obrigou a trasladalo á UCI pediátrica do Xeral-Cíes, de Vigo, onde onte falecía arredor das 8 da tarde. Moitos cuestiónanse agora a atención médica prestada ó pequeno e por que non se ingresou dende un principio en Vigo se o hospital pontevedrés non estaba preparado. O certo é que os partes médicos aseguraban que Rubén estaba fóra de perigo cando se produciu o empeoramento repentino e xa nada se puido facer.
Mentres tanto, a avoa dos nenos, Teresa Pereira, de 71 anos continúa recuperándose no Hospital Domínguez. Ata esta mañá aínda non sabía nada do falecemento do seu segundo neto que provocou de novo o peche do colexio Rosalía de Castro en sinal de loito.
Redacción Salnés