A Deputación conta con 152 millóns de euros para 2016, un 2,4% máis que no 2015

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/19/presupostos_depo_2016.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/19/presupostos_depo_2016.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> 152 millóns de euros. Esta é a contía coa que a Deputación de Pontevedra contará para o vindeiro ano. Presidenta e vicepresidente presentaron hoxe os orzamentos que reparten eses fondos, que supoñen un incremento dun 2,4% respecto o actual exercicio. Carmela Silva e César Mosquera destacaron que estas contas reflicten un cambio no funcionamento do goberno provincial, e mantéñense fieis ao programa que presentaran no mes de xullo.

152 millóns de euros é a contía que compón os orzamentos da Deputación para o 2016, unhas contas que, aseguran, dan protagonismo aos concellos e eliminan a libre disposición.

Un dos principais cambios, o Plan concellos 2016, dótase con 40 millóns de euros a repartir entre os 60 municipios con menos de 50 mil habitantes que xa se anunciara a semana pasada. 

O emprego é tamén prioritario. O Servizo de emprego encargarase de desenvolver os programas de fomento, apoiar empresas da provincia, formación, prácticas laborais e pór en marcha os viveiros de emprendedores de Barro e Lalín.

Case dous millóns de euros irán para un Plan de Protección e mellora do medio natural, máis de tres para potenciar as actividades turísticas a través dun plan estratéxico e preto de 800 mil para o Servizo de igualdade provincial. Tamén destacou o apoio aos servizos sociais municipais, á promoción cultural e lingüística, destacando os 4,2 millóns de euros para o Museo Provincial. O Centro Príncipe Filipe mantén o orzamento de 10,5 millóns.

O aforro conseguirase na partida de gastos correntes, que se reduce en 2,2 millóns menos. Carmela Silva destacou tamén que o orzamento para 2016 está comprometido co déficit cero, e ten como obxectivo diminuír en case 14 millóns de euros a débeda do organismo provincial.